Friday 17 de May de 2024

A gastronomía galega promocionarase a nivel internacional na Gala de Premios á Excelencia e á Innovación Turística da OMT


No marco de Fitur, a gastronomía galega será protagonista na cea da Gala dos Premios á Excelencia e á Innovación Turística da OMT que estará dirixida polo chef Pepe Solla en colaboración cos alumnos do CSHG

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe en Santiago o contido do recinto institucional da Comunidade galega en FITUR 2016 que segundo manifestou, foi deseñado para “transmitir afectividade e calidez, de xeito que o visitante perciba un dos sinais de identidade de Galicia, a acollida”.

Nava Castro manifestou que o recinto galego posicionará a marca do turismo galego Galicia, o bo camiño, “dando a coñecer os destinos, produtos e recursos turísticos galegos que compoñen a oferta turística da nosa comunidade e as súas novidades”.

Á súa vez, engadiu, “servirá de plataforma e punto de encontro para as relacións comerciais dos empresarios do sector turístico galego, cun espazo de traballo no que estará representado o Clúster Turismo de Galicia, o que supón unha mostra máis da nosa aposta pola colaboración público-privada no sector turístico”, engadiu.

Como novidades da presenza galega na 36 edición da Feira Internacional de Turismo de Mardri, FITUR, a directora de Turismo de Galicia destacou a instalación no stand de tres novos módulos expositivos relacionados co Entroido galego, as festas declaradas de interese turístico nacional e internacional, e a oferta relacionada coa Comunidade galega como destino Strarlight.

Así mesmo, Nava Castro resaltou a presenza das novas tecnoloxías aplicadas ao turismo no recinto galego, coa instalación dunha pantalla táctil informativa dos recursos turísticos galegos; o desenvolvemento dun obradoiro de artesanía a cargo do mestre artesán Xosé Manuel Sanín e as catas de viños e queixos galegos con Denominación de Orixe dirixidas polo sumiller Nacho Costoya.

Cena de Gala dos Premios OMT
Como unhas das grandes novidades desta edición, a responsable de Turismo da Xunta destacou a importancia que terá para a promoción internacional da gastronomía galega a cea ofrecida por Turismo de Galicia na Gala dos Premios á Excelencia e á Innovación Turística da Organización Mundial do Turismo (OMT) que se desenvolverá na noite do próximo mércores 20 de xaneiro e que estará dirixida polo chef Pepe Solla, en colaboración cos alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), e na que participarán axentes e representantes turísticos de todo o mundo.

Ano da Misericordia e La Vuelta 2016
Dentro da presenza de Galicia en FITUR 2016, Nava Castro incidiu tamén na oportunidade que supón esta feira para a presentación dos grandes eventos que se desenvolverán na Comunidade en Galicia ao longo dese ano, como son o Ano da Misericordia e La Vuelta.

Así, ambos acontecementos serán presentado dentro do programa de actos que se desenvolverá no recinto galego e que este ano se ocupará con máis de 30 presentacións de destinos e produtos turísticos galegos no espazo galego.

Novo stand
Polo que respecta ao deseño do novo recinto de promoción do turismo galego en FITUR 2016, co obxectivo de crear un espazo diferenciado que resalta a autenticidade de Galicia como destino turístico, Nava Castro anunciou que as liñas creativas baséanse no mundo das guías e manuais turísticos e das tarxetas ‘pop-up’, “con ilustracións de iconas galegas creadas con técnicas de papel dobrado para documentar de xeito animado”.

A directora de Turismo de Galicia destacou que os mostradores do stand estarán atendidos por estudantes ou diplomados galegos en materia turística que vestirán uniforme creados pola deseñadora galega Sandra Táboas, gañadora do certame ‘Jóvenes Creadores 2015 de Deseño de Moda de Madrid’.

Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia lembrou que un ano máis a artesanía galega terá amplo protagonismo no espazo galego, xa que ademais do obradoiro de Xosé Manuel Sanín, exhibiranse distintas pezas realizadas por artesáns galegos, “nun percorrido que combina modernidade e tradición, reforzando así a posta en escena e potenciando a oferta turística galega”.